Saturday 18 de May de 2024

Cultura e Educación convoca o ‘VI Encontro de Artistas Novos’ no que 40 creadores darán a coñecer os seus traballos do 28 de agosto ao 1 de setembro no Gaiás


A Cidade da Cultura convida a artistas emerxentes a reflexionar sobre a arte con creadores consolidados como Alicia Martín, Lino Lago ou Ruth Montiel

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o ‘VI Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’, no que un total de corenta creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea ao longo de catro días de convivencia e intercambio de experiencias con outros axentes culturais.

Dirixido a mozos nados entre 1981 e 1998 (ambos inclusive), o ‘VI Encontro de Artistas Novos’ terá lugar do 28 de agosto ao 1 de setembro e poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Como xa foi habitual nas dúas anteriores edicións, dez das 40 prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións nun proceso creativo aberto.

O ‘Encontro de Artistas Novos’ volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor co obxectivo de apoiar o promover o seu labor creativo e o intercambio de coñecemento, seguindo dúas das liñas estratéxicas da consellería que dirixe Román Rodríguez: a aposta pola educación e o coñecemento como eixes do progreso e o benestar.

Encontros con artistas e “art followers”
A Cidade da Cultura de Galicia converterase, do 28 de agosto ao 1 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección.

Os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel. Xunto a eles, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Nerea Ubieto serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.

Esta nova edición do ‘Encontro de Artistas Novos’ recupera as visitas a centros de arte contemporánea de Galicia, polo que os participantes coñecerán de primeira man o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o MAC da Coruña e a Fundación Luis Seoane.

Inauguración dunha nova intervención nas Hejduk
Este ‘VI Encontro de Artistas Novos’ celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

A maiores, a Cidade da Cultura abre a posibilidade de que un ou varios dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o complexo do Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

De feito, e por vez primeira, o ‘Encontro de Artistas Novos’ finalizará coa inauguración do proxecto gañador da anterior edición: Homo ludens, de Miguel Benjumea e Román Corbato. A través desta intervención, os dous participantes no V EAN converterán as Torres Hejduk nunha nova paisaxe dedicada ao lecer a través dunha ‘site specific’ na que xogan con dous elementos clave: plástico e aire. Deste xeito, a través dunha arquitectura efémera baseadas en dúas instalacións inchables, Homo ludens converterá este espazo arquitectónico nun punto de encontro e socialización.

A metade das prazas para artistas galegos
O V Encontro de Artistas Novos convoca un total de corenta prazas, das que o 50% estarán destinadas aos solicitantes nacidos ou residentes en Galicia e o outro 50% aos solicitantes de procedencia estatal e internacional.

A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, estanza en réxime de pensión completa desde o domingo 28 de agosto ao xoves 1 de setembro (ambas as dúas inclusive), transportes diarios ata a Cidade da Cultura e aos diferentes centros de arte.

Solicitudes ata o 1 de xullo
Poden optar a unha praza todos os nados entre 1981 e 1998 e que non participaran nas cinco edicións anteriores. A convocatoria é aberta e poderán participar tanto estudantes e licenciados en Belas Artes e afíns como todos aqueles que mediante a documentación presentada demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, dez das corenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberán cumprir os mesmos requisitos que os emerxentes.

A solicitude deberá efectuarse antes das 15:00 horas do venres 1 de xullo xunto á documentación requirida: boletín de subscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, curriculum vitae abreviado (máximo unha folla) e dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 follas ao mail encontro@cidadedacultura.org.

O nome dos seleccionados darase a coñecer o venres 22 de xullo e deberán confirmar a súa participación antes do 29 de xullo. As bases completas do ‘VI Encontro de Artistas Novos’ poden consultarse en www.cidadedacultura.gal, así como baixar o boletín de subscrición.

O EAN viaxa ata Segovia
O Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor no marco da primeira programación cultural do Gaiás. Tras cinco edicións, o EAN é hoxe un formato consolidado no que o ao redor de 400 creadores presentaron as súas propostas artísticas. Ademais, recoñecidos creadores como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell foron participantes no seu día dalgunha das edicións do EAN cando aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Como curiosidade, salientar que o Encontro de Artistas Novos viaxará ata Segovia. A Fundación Villalar de Castela e León decidiu importar este modelo creado na Cidade da Cultura para celebrar o seu I Encuentro de artistas de Castilla y León, que terá lugar do 27 de xuño ao 1 de xullo deste ano en La Casona del Pilar.

O EAN consolídase así como un modelo de convivencia entre creadores emerxentes despois de que durante o 2015 tivese lugar o I Encontro fóra das nosas fronteiras. Concretamente en Uruguai, onde o Centro Cultural de España en Montevideo, organismo de cooperación cultural que realiza a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid), reuniu un total de corenta artistas novos do 24 ao 28 de xuño de 2015 no Parque Vacacional de Agadu, localizado na Atlántida.